Friday 10 de May de 2024

Investimento de 398.000 € para as próximas obras de humanización da avenida Alfonso Senra


Ovidio Rodeiro percorreu o tramo no que se levará a cabo esta actuación acompañado da alcaldesa en funcións, Ana Soneira, de José Luis Martínez Sanjurjo e dos concelleiros José Manuel Rodríguez e Susana García

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, acompañado pola alcaldesa en funcións, Ana Soneira, así como por José Luis Martínez Sanjurjo e os concelleiros José Manuel Mira e Susana García, visitaron esta mañá a rúa Alfonso Senra. De primeira man analizaron o treito que vai dende o cruzamento da rúa Compostela ata o cruzamento da Rúa Casabella, o cal será humanizado cun investimento de 398.000 euros, dos cales a Consellería de Medio Ambiente e Vivenda achega 318.000 euros e o resto o Concello.

A dita actuación englóbase dentro do Plan Hurbe e nela contémplase a construción de beirarrúas unha vez se demola o pavimento existente, o cal presenta un estado deficiente. Previamente levarase a cabo a construción das beirarrúas e a canalización de servizos de saneamento, augas pluviais, abastecemento de auga potable, rede de baixa tensión, comunicacións, telefonía e iluminación pública.

Ao respecto desta obra Ana Soneira sinala a súa “importancia xa que se trata da vía máis importante non só para os habitantes da nosa vila, senón tamén para moitos e moitas visitantes, así como para os condutores que transitan pola N-550”. Tamén destaca que “vén complementar outras obras de humanización, dotación de equipamentos ou na mellora e eficiencia enerxética no sistema de iluminación”.

Pola súa banda, o delegado territorial recordou que “a Xunta promove e colabora neste tipo de actuacións co obxectivo de rehabilitar, recuperar e conservar os equipamentos urbanos municipais, co fin de mellorar a calidade de vida da súa cidadanía e do público en xeral”.

No período 2010-2018 destináronse preto de 40 millóns do Plan HURBE en toda a provincia para financiar un total de 35 actuacións nunha trintena de concellos; que no conxunto da Comunidade galega elévanse a 124 millóns de euros en 164 actuacións.